«A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926»
A Universidade de Santiago de Compostela conmemora este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares sobre o continente americano, coa exposición «A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926», que abrirá as súas portas o próximo 23 de xullo.
O acto inaugural terá lugar ás 12.00 horas e contará coa participación da reitora da USC, Rosa Crujeiras; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a comisaria da exposición, a profesora da USC Pilar Cagiao; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.
A inauguración incluirá diversas intervencións musicais a cargo da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela, que interpretarán a peza «Huarina/Huayño», de Julio Martínez Arteaga (Bolivia). O acto rematará coa interpretación conxunta de «Libertango», de Astor Piazzolla, a cargo do Programa Escolas Abertas 2026 da Secretaría Xeral de Emigración e da Orquestra e Coro da Universidade.
Tras o acto inaugural terá lugar unha visita guiada á exposición, na que intervirá Ricardo Busto Lage, neto do fundador da Biblioteca América, Gumersindo Busto.
Un século de historia documental
A mostra, que permanecerá aberta no Colexio de Fonseca ata o 31 de outubro, de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, propón un percorrido pola historia, as persoas e os documentos que fixeron posible a creación da Biblioteca América.
A exposición presenta materiais históricos, fondos documentais e testemuños gráficos que permiten achegarse ás orixes, evolución e protagonismo desta colección desde a súa inauguración en 1926 ata a actualidade, mostrando o seu papel como espazo de referencia cultural e académico ao longo dun século.
Concertos do Centenario da Biblioteca América
Dentro das actividades vinculadas á celebración do centenario, a Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá entre o 20 e o 25 de xullo un encontro musical dedicado ao patrimonio da Biblioteca América.
O proxecto reúne integrantes da propia formación, estudantes de música e profesorado procedente de recoñecidas institucións musicais, nun encontro que combina ensaios, actividades formativas e concertos.
Os concertos terán lugar:
-
Xoves 23 de xullo, ás 18.00 horas, na Igrexa de San Francisco.
-
Venres 24 de xullo, ás 18.00 horas, na Igrexa da Nosa Señora da Mercé de Conxo.
A dirección musical correrá a cargo de Mario Diz, no caso da Orquestra, e de Anna Melikhova, no caso do Coro. Os concertos serán presentados por Nancy Pérez Rey, do Grupo de Investigación HistAmérica da USC.
O repertorio, integrado por partituras pertencentes ao fondo musical da Biblioteca América, inclúe as pezas Amor bendito: danza para canto y piano, de Juan Ríos Ovalle; Sonrisa de niño: comedia musical, de J. Daniel Zúñiga; La más linda de mi pago: zamba, de Antonio Santos La Salvia; La reina de mis amores: canción criolla para piano y canto, de Alberto S. Poggi; Huarina, huayño: para piano, de Julio Martínez Arteaga; El rancho abandonado: para piano, de Alberto Williams; Tres estrofas de amor: canción para soprano, de Pau Casals; e Danzón n.º 2, de Arturo Márquez.
A entrada aos dous concertos será libre ata completar a capacidade dos espazos.