Doutora en Historia
Profesora permanente laboral, Universidad de Burgos
Patricia Calvo González é licenciada en Xornalismo (2004) e máster en Historia Contemporánea (2009) pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2014 coa tese «La Sierra Maestra en las rotativas. El papel de la dimensión pública en la etapa insurreccional cubana (1953-1958)». Foi investigadora posdoutoral I2C da Xunta de Galicia e PSI na Universidad de Cádiz. En 2022 incorporouse á Universidad de Burgos como profesora axudante doutora; actualmente é profesora permanente laboral na área de Historia de América (Departamento de Historia, Geografía y Comunicación).
Os seus intereses de investigación xiran arredor do papel da dimensión pública, os medios de comunicación e a propaganda na construción e difusión político-ideolóxica contemporánea. Na etapa predoutoral analizou o movemento guerrilleiro cubano da década de 1950; dende o período posdoutoral estuda a transnacionalización da mensaxe revolucionaria en Cuba e América Latina.
Obtivo contratos predoutorais e posdoutorais en convocatorias competitivas, o último co proxecto «La transferencia de la dimensión pública en los movimientos revolucionarios latinoamericanos (1959-1979): de Cuba a Nicaragua». Realizou estadías de investigación na Universidad de La Habana (Cuba), na University of Nottingham (Reino Unido), no Centre for Latin American Research and Documentation (CEDLA, Países Baixos) e no Ibero-Amerikanisches Institut (IAI, Alemaña). Presentou comunicacións e relatorios, propios e por invitación, en congresos e simposios internacionais en Europa e América Latina. Participou en 10 proxectos de investigación (1 en curso), é membro de 4 equipos de investigación e de 2 redes de estudos, e coordina unha delas, a Red de Estudios de Prensa y Política. Organizou e coordinou actividades de I+D+i de carácter internacional e é avaliadora de artigos e libros para editoriais indexadas.