Agenda

A participación española na escravitude colonial. Martín Rodrigo y Alharilla. Encontros Americanos na Granell
-
23 de setembro de 2026

A participación española na escravitude colonial.

Martín Rodrigo y Alharilla. 

Mércores, 23 de setembro, 2026. 19h.

Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela

 

A conquista e colonización do continente americano polos europeos comportou o desenvolvemento, durante catro séculos, do tráfico directo de persoas escravizadas, entre África e América, así como a creación de sociedades escravistas nas Américas. Nesa dinámica, España participou de forma destacada tanto na trata negreira como na escravitude colonial, nos seus diversos dominios americanos e, especialmente, na Cuba do século XIX. A memoria que queda no noso país, non obstante, daquela realidade é moi difusa, cando non directamente ausente. A partir das relacións entre a historia e a memoria (da trata e a escravitude), analizaremos cal foi o papel de España naquel pasado escravista e como se lembra (ou se esquece) ese papel na actualidade. Empregaremos unha mirada comparativa, especialmente con outros países europeos igualmente implicados nesa dolorosa realidade.

Martín Rodrigo y Alharilla. Doutor en Economía pola Universitat Autónoma de Barcelona, é Profesor Titular de Historia Contemporánea no Departamento de Humanidades da Universitat Pompeu Fabra (UPF). É coordinador do Máster en Historia do Mundo e do GRIMSE (Grupo de Investigación en Imperios, Metrópoles e Sociedades Extraeuropeas), e director da colección Esclavitudes, da editorial Icaria. Entre os seus últimos libros destacan: Los Goytisolo. Una próspera familia de indianos (Marcial Pons, 2016), Un hombre, mil negocios. La controvertida historia de Antonio López, marqués de Comillas (Ariel, 2021); como co-autor e coeditor: Negreros y esclavos. Barcelona y la esclavitud atlántica, siglos XVI-XIX (Icaria, 2017), Del olvido a la memoria. La esclavitud en la España contemporánea (Icaria, 2022). O seu último libro (escrito con Lisa Surwillo) titúlase La Bisabuelita. Género, esclavitud y finanzas entre La Habana y Barcelona.

 

Os Encontros Americanos na Granell

Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.

Os Encontros teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio.

Os seus participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, e profesionais vencellados á realidade da rexión.